Papa un divertido susto a noite de Samaín
Samaín celébrase en Ourense con actividades para os cativos e con terroríficas procesións nocturnas para os adultos. Non perdas esta festa a véspera de Todos os Santos.
Samaín, a festa de orixes celtas que celebra o fin da colleita e a chegada da estación escura, estivo a piques de perderse en Galicia. Afortunadamente, desde hai uns anos vívese en Ourense con forzas renovadas. Como cada 31 de outubro, as actividades comezarán pola tarde con xogos e obradoiros infantís distribuídos polas prazas do Centro Histórico.
Desde as 17:00 repartiranse unhas 800 cabazas e outras tantas candeas, para que nenos e nenas as decoren. Con elas, poderán participar nun desfile de disfraces que sairá ás 19:00 da Praza da Imprenta. A marcha terminará na Praza Maior, onde haberá unha festa coa actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona.
A novidade deste ano na programación será a Noite da Santa Compaña. Esta procesión de almas en pena partirá ás 23:30 de distintos puntos e percorrerá as rúas coas luces apagadas. Estes desfiles pantasmais confluirán nunha gran festa na Praza Maior, onde á 1:00 se desenvolverá o espectáculo de música, pirotecnia e efectos visuais Les Tambours de Feu a cargo da compañía vasca Deabru Beltzak.
Por último, entre as 22:00 e a 1:00 as charangas Aperta e Trópico de Grelos percorrerán as rúas para animar aos veciños a unírense a esta celebración previa ao Día de Defuntos.
Descarga aquí o programa completo do Samaín 2019 Descarga