Nadal con ilusión en Ourense

Un autobús musical itinerante, teatro infantil, un concerto especial de Reis ou o tradicional Belén de Baltar son algunhas das propostas de Ourense para que este ano vivas un Nadal cheo de ilusión.

2020 foi un ano que non esqueceremos, cheo de desafíos, cambios e incerteza que nos fixo decatarnos do que de verdade importa. Para despedilo, precisabamos máis ca nunca un Nadal cheo de ilusión e esperanza, e en Ourense queremos que así sexa. Con todas as medidas de seguridade necesarias e comprometidos coa prevención da COVID-19, deixámosvos aquí unha serie de plans cos que poderedes gozar deste Nadal diferente en #Ourense.

Belén de Baltar, máxico e sorprendente

De 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 h (até o 6 de xaneiro) – 25, 1 e 6 só horario de tarde.

A capela de San Cosme, no centro histórico, alberga este belén único composto por máis dun cento de figuras realizadas polo escultor Arturo Baltar. Visitádeo con tempo para descubrir todos os seus personaxes: os nenos xogando na praza, os músicos ambulantes, a parella de namorados… Un clásico imprescindible.

Visita gratuíta. Aforo controlado. Como chegar

Concerto de Nadal da Real Filharmonía de Galicia

Sábado 19 de decembro ás 20.00 – Teatro Principal

A Real Filharmonía de Galicia ofrece o seu tradicional concerto de Nadal no fermoso escenario do Teatro Principal de Ourense. O programa inclúe dúas pezas de Vivaldi, o Concerto en Sol maior “Alla rustica” e o Laudate Pueri Dominum en Do menor, así como a Sinfonía nº 84 en Mi “In nomine Domini” de Haydn.
Máis info e entradas

O Orient Express chega a Carrileiros

19 e 20 de decembro de 11.30 a 13.30

O Parque Ferroviario de Carrileiros, un precioso circuíto de trens a escala, ponse as súas mellores galas para recibir o Orient Express, que como cada Nadal chega a Ourense co seu vagón especial de correos para recoller as cartas para Papá Noel e os Reis Magos. Un plan perfecto para gozar en familia e enchoiparse da maxia do mundo do tren.

Máis info en http://www.carrileiros.com/ Como chegar

Bus musical itinerante

19, 20, 22, 23, 24 e 26 de decembro | 2 e 3 de xaneiro

Se non podemos ir a concertos, que os concertos veñan a nós! Este Nadal un bus musical moi festivo percorrerá as rúas de Ourense con espectáculos en directo dos artistas Diego Nóvoa, Priscila e Broken Peach.

17ª MOTI – Mostra de Teatro Infantil de Ourense

22-26 de decembro

Non habería Nadal en Ourense sen a clásica Mostra de Teatro Infantil, que desde hai case dúas décadas fai as delicias dos máis cativos. O Teatro Principal e o Auditorio Municipal reparten as funcións desta edición, que inclúe monicreques, música e moitas sorpresas máis.
Máis info

Concerto de Reis da Orquestra Clásica de Vigo

Sábado 9 de xaneiro – Auditorio Municipal

A Clásica volve subirse ao escenario do Auditorio Municipal cunha proposta musical fresca e orixinal que, sen entender de estilos e etiquetas, busca atraer novos públicos ao fascinante mundo da música clásica.

Tamén na axenda

A cultura non descansa en Nadal e a nosa axenda ten interesantes citas que non podedes perder, como o concerto de John Lee Sanders & The Gospel Messengers (22 decembro) ou a exposición “Sacrificio e ascensión” do debuxante David Rubín na Sala AFundación, que permanecerá só até o 18 de xaneiro. Consultade a nosa axenda online https://visita.ourense.gal para estar ao día das novidades.