Axenda Febreiro – Marzo
Xantar, Entroido, Voces Femeninas, Pórtico do Paraíso... A axenda cultural de Ourense segue cargada de eventos.
XANTAR, Salón Internacional do Turismo Gastronómico
5-9 febreiro
Ourense inaugura febreiro con esta feira ideal para foodie lovers. O programa inclúe catas, showcookings e degustacións, ademais de varios menús que se poderán saborear nos restaurantes recreados en Expourense. A cidade participa con dous espazos: un dedicado ás creacións do Concurso de Pinchos “Sabores de Ourense” e outro onde saborear pratos tradicionais coma o cocido. Ademais, varios restaurantes apúntanse á cita gastronómica ofrecendo menús especiais durante esta semana, baixo a iniciativa “Xantar na Cidade”.
Máis información
TEATRO – Daimon y la jodida lógica
15 febreiro
O Auditorio Municipal estrea a última montaxe de Matarile Teatro, compañía referente no panorama escénico galego. En Daimon Matarile explora os múltiples significados deste concepto mitolóxico que evoca anxos e demos, voz interior e vontade. Tamén ao Auditorio chega o 12 de marzo Si esto es un hombre, da compañía Cámara Oscura: unha peza a partir do texto homónimo de Primo Levi onde evoca a súa experiencia nos campos de concentración nazis.
EXPOSICIÓN – Leonardo, o músico
Até o 23 de febreiro
O Centro Cultural Marcos Valcárcel repasa unha das facetas menos coñecidas do xenio italiano Da Vinci, a de músico e melómano. A exposición recolle varios instrumentos realizados a partir de notas e deseños do propio Leonardo, que conviven con outros instrumentos da época, convidando ao visitante a mergullarse no apaixonante panorama musical do Renacemento.
Máis información
MÚSICA – Festival Pórtico do Paraíso
6-15 marzo
A música culta volve ocupar escenarios que son auténticas xoias do patrimonio artístico de Galicia. O festival internacional recala en 2020 en Ourense con dúas citas para non perder: un concerto de violín na igrexa neogótica do Santo Anxo e outro de guitarra no fermoso pazo renacentista dos Oca Valladares, hoxe Liceo de Ourense.
Web Oficial
TEATRO – Jauría
14 marzo
A compañía Teatro Kamikaze revisita o xuízo de “La Manada” nesta peza teatral, gañadora do Premio Cultura contra a Violencia de Xénero outorgado polo Ministerio de Igualdade. A obra, que convida a reflexionar sobre a sociedade e o papel dos individuos nela, poderá verse no Teatro Principal.
Comprar entradas
CONCIERTO – Voces Femeninas
6 marzo
Na súa 12ª edición o Festival Voces Femeninas volve encher de talento o escenario do Teatro Principal, cun concerto que, coa ollada posta en Andalucía, reúne a dúas grandes intérpretes femininas: Soleá Morente e Le Parody. Voces Femeninas celébrase de forma anual como parte das actividades do 8 de marzo, Día da Muller.
Comprar entradasNon perdas
FESTAS – Entroido
21-26 febreiro
Do 21 ao 26 de febreiro a cidade vístese de entroido para gozar esta celebración do bo humor e a subversión. O artista Moncho Borrajo será o pregoeiro deste Entroido 2020 o sábado 22, cunha xornada festiva amenizada pola música da orquestra Los Satélites. O domingo 23 será o gran desfile, con case 18.000 € en premios a comparsas, grupos e disfraces individuais.
Ourense Cultura