Estamos de Entroido!

Sen dúbida unha das festas máis agardadas do ano: un momento para disfrazarse e xogar a ser outros, pasándoo en grande coa mellor compañía. Do 21 ao 26 de febreiro, ven gozar do Entroido en Ourense.

Do 21 ao 26 de febreiro Ourense vístese de Entroido, unha das festas máis queridas e esperadas do ano, sinónimo de rúas ateigadas e música en cada recuncho.

Ourense goza dunha situación privilexiada a poucos quilómetros do Triángulo Máxico do Entroido. Verín, Xinzo e Laza. Este tres entroidos destacan polo seu carácter senlleiro e a súa longuísima tradición; os dous primeiros foron recoñecidos como festas de interese turístico nacional. A cidade de Ourense é a lanzadeira perfecta para descubrilos comodamente, con boas conexións en autobús. Aínda que a tradición na capital tampouco queda atrás: tanto no centro como nos barrios, o Entroido vívese ao máximo.

O Entroido en Ourense quedará oficialmente inaugurado o sábado 22 co pregón do actor e humorista Moncho Borrajo, pero nos días previos xa haberá moita actividade entroideira. O domingo 16 os barrios de Seixalbo e As Eiroás celebran o seu domingo oleiro, e o xoves 20 é xa Día de Comadres: a primeira das longas noites do Entroido ourensán, con cea e baile no Liceo de Ourense e música en vivo nas rúas do centro histórico.

Este 2020 a programación do Entroido inclúe como novidade a celebración dun desfile protagonizado polos entroidos dos barrios: a Pita das Eiroás, os mecos Paquita e Nicanor de Seixalbo e a confraría de Frei Canedo do barrio da Ponte tomarán as rúas do centro histórico o venres 21. O domingo 23 será a quenda do gran desfile de Entroido, con carrozas, comparsas e disfraces individuais competindo por acadar o título de rei e raíña do Entroido.

O Entroido ten tamén unha importante vertente gastronómica e é sinónimo de reunións de amigos e familias ao redor dunha boa mesa. O cocido galego é o protagonista dos menús festivos, e adoita vir acompañado de longas sobremesas onde non poden faltar os doces máis típicos da tempada: orellas de entroido (finos panos de masa fritida empoados de azucre) e as imprescindibles filloas.

O Entroido de Ourense é unha festa que non vos deixará indiferentes. Aquí tedes o programa completo de actividades
Descargar programa