Concurso de Pinchos Sabores de Ourense

Do 31 de outubro e ata o 12 de novembro Ourense celebra a décima edición do Concurso de Pinchos Sabores de Ourense, unha cita que xa se converteu nun clásico, ideal para saborear este outono.

O cheiro das primeiras uvas e mazás, as cabazas da noite do Samaín, os cogomelos de bosque que nacen ao pé dos piñeiros e os carballos, o estouro das castañas ao asárense… O outono é a estación dos sentidos por excelencia, un momento perfecto para descubrir a auténtica gastronomía ourensá, pratos cociñados con agarimo e que teñen coma protagonistas produtos de tempada de primeirísima calidade, auténtica comfort food!

Por todas estas razóns, Ourense escolle estas datas tan especiais para celebrar o seu Concurso de Pinchos #SaboresdeOurense. Do 31 de outubro e ata o 12 de novembro tedes unha oportunidade única para gozar dos sabores e aromas desta estación en pequenas elaboracións a base de castañas e cogomelos que se gozan dun só bocado: tostas, montadiños, crêpes, hamburguesas, cazoliñas… todo a un tamaño e prezo mini, 2,50 € de máximo.

Na web http://saboresdeourense.turismodeourense.com tedes toda a información sobre este certame no que participan preto de 50 establecementos na cidade: 50 petiscos e só quince días para probalos!

Pistas para saborear este concurso ao máximo

Ti es o xurado! Cando pidas o teu pincho, pide tamén a túa papeleta de votación, que deberás selar en tres locais diferentes. Enche os teus datos, elixe o teu petisco favorito e poderás gañar algúns dos premios que sorteamos.

En Ourense temos catro denominacións de orixe vínicolas e unha infinidade de viños (e tamén cervexas artesás locais!) perfectos para acompañar os teus petiscos, así que escolle ben a túa maridaxe. E lembra, bebe sempre con moderación 😉

Porque queremos que todas e todos gocedes do concurso, colaboramos cada ano coa Asociación de Celíacos de Ourense cunha categoría especial de petisco sen glute.

Cóntame máis!