Ourense, Capital do Entroido
Enfúndate nun disfrace e pon a punto a túa máscara. Sal á rúa e goza. Reláxate. Divírtete, Convértete noutra persoa. O Entroido chegou a Ourense e a cidade encheuse de cor e música. Está todo listo, só faltas ti.
O Entroido é quizais a festa máis alegre, colorista e aloucada de todas as que se celebran en Ourense (e non son poucas!). Son días e noites de música, disfraces, risas e longas comidas entre amigos. Unha celebración ao grande cuxas raíces se perden no tempo e que en Ourense se vive con paixón: por algo somos a Capital do Entroido en Galicia.
Ademais do Entroido urbano, cinco días de festa ininterrompida na rúa onde abondan as charangas, as comparsas e os desfiles, a cidade é a lanzadeira perfecta para descubrir os diferentes entroidos da provincia. Especialmente significativos son os de Laza, Verín, Xinzo de Limia, Maceda, Viana do Bolo e Manzaneda, todos eles declarados festas de interese turístico e nos que destaca o colorido das súas máscaras únicas: cigarróns de Verín, peliqueiros de Laza, pantallas de Xinzo… Na cidade, barrios e núcleos contan tamén con tradición e personaxes propios, como a máscara da “Pita de Eiroás”, os mecos “Paquita e Nicanor” no núcleo de Seixalbo, que se sacan en procesión, ou, xa no barrio da Ponte, os confrades de «Frei Canedo».
En Ourense as celebracións arrincan de forma oficial o venres día 9, sendo as noites máis multitudinarias o sábado e sobre todo o luns (o martes é festivo local), aínda que moitas persoas comezan pronto a quentar motores cos xoves de compadres e comadres (este último o máis multitudinario, prólogo oficial do Entroido), ou mesmo co chamado domingo oleiro. As celebracións acaban o Mércores de Cinza co tradicional enterro da sardiña, cando a cidade se pon de loito para despedir, ata o ano que vén, unha das súas festas máis queridas.
Deixámosvos aquí un calendario coas datas máis importantes do Entroido na cidade, para que non perdades detalle. Ademais, lembrade que na nosa axenda http://visita.ourense.gal tedes información pormenorizada (e xeolocalizada) sobre cada unha das actividades programadas:
- Domingo, 4 de febreiro – Domingo Oleiro nos núcleos das Eiroás e Seixalbo, onde se celebra o antiquísimo «xogo da ola». En Seixalbo, ademais, recíbense os mecos Paquita e Nicanor, protagonistas do Entroido deste fermoso núcleo medieval.
- Xoves, 8 de febreiro – Xoves de Comadres, unha noite tradicionalmente reservada ás mulleres. Ceas de amigos, baile e moito desenfado para o comezo «extraoficial» do Entroido.
- Domingo, 11 de febreiro – Domingo de Entroido, cando se celebra o tradicional desfile de comparsas e carrozas e elíxese ao Rei/Raíña do Entroido de cada ano.
- Mércores, 14 de febreiro – Enterro da Sardiña; a partir das 20:00 unha concentración de plañideiras de rigoroso loito acompañará á sardiña ata a súa queima, símbolo do fin do Entroido.
Sabores de Entroido
A gastronomía é moi importante no Entroido ourensán. O produto típico destas datas son as orellas: hainas doces, unha sobremesa elaborada con ovos e fariña; pero tamén de porco, cocidas e aderezadas con sal e pemento. Esta é época de facer suculentos cocidos: un bo cocido galego debe levar carne de porco como cachucha, dente, soá, e lacón; chourizos de carne e cebola; patacas, repolo ou grelos e garavanzos. Tamén son tradicionais as androllas e o botelo; as sobremesas de Entroido serían as filloas, a bica e o roscón.