43ª Carreira Popular de San Martiño

A cita deportiva de Ourense por excelencia celébrase este 17 de novembro, nunha fin de semana consagrada á actividade deportiva na que Ourense acolle o 1º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo.

Con máis de 40 edicións ás súas costas, a pedestre popular de San Martiño é un dos grandes clásicos do calendario deportivo galego, proba decana e referente nas carreiras populares en Galicia. Puntuable para diversas competicións nacionais e coñecida polo bo ambiente que se repite ano tras ano, a proba cobre 10 km de percorrido circular por toda a cidade –unha visita turística moi completa– incluíndo as subidas e baixadas ás emblemáticas Ponte Romana e Ponte do Milenio. Unha forma diferente de descubrir Ourense que, se o voso é o deporte, non podedes perder. Unha cita ineludible para os amantes do running que ano tras ano reúne a máis de 10.000 corredores.

A recollida de dorsais, en Expourense

A San Martiño coincide coa celebración de SPORTUR, o Salón de Deporte e Turismo Activo que se celebra do 14 ao 16 de novembro. O Salón, que pretende dar a coñecer as diferentes propostas en lecer activo da cidade e provincia (clubs e federacións deportivas, instalacións, rutas, empresas especializadas…) será tamén o punto de encontro e recollida de dorsais para os participantes na carreira do domingo.

Como principal novidade, Sportur acolle este ano a celebración do 1º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo, que reunirá casos de éxito na materia de diferentes puntos de España e Portugal, pretendendo servir de acicate e inspiración para o desenvolvemento de novas experiencias en turismo activo no territorio. Organizado por Expourense co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense, o Congreso é de participación gratuíta.

+ info en http://www.sporturgalicia.com e en http://congresoturismodeportivo.com/