Ourense visto por e para os máis novos
A longo do curso 2018/2019 o alumnado do Colexio de Salesianos desenvolveu o proxecto "Tourism of Ourense", unha iniciativa coa que amosar á cidade aos visitantes á través das súas propias experiencias e gustos. Vídeos, un mapa interactivo e novas rutas turísticas son algúns dos resultados.
Coñecer un lugar da man dos seus veciños é sempre un luxo, e máis se estes son os habitantes máis cativos: que lugares visitar, as mellores tendas, atraccións, parques… Investigando sobre a importancia da actividade turística e todo o que Ourense ten que ofrecer, o alumnado do CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Salesianos) desenvolveu o proxecto «Tourism of Ourense»: unha guía moi especial coa que amosarlle ao mundo a súa cidade.
Neste proxecto, elaborado en inglés e desde uhna perspectiva interdisciplinar, implicouse todo o alumnado de diferentes etapas: os de Infantil realizaron un vídeo amosando o seu día a día no centro, mentres que en Primaria elaboraron un mapa turístico para rapaces e rapazas da súa idade. Pola súa parte, o alumnado de Secundaria reuníu todos estes materiais nunha páxina web na que incluíron ademais roteiros turísticos deseñados por eles mesmos, así como calendarios de festas e eventos.
Ao longo do traballo, o alumnado contou coa colaboración da Oficina Municipal de Turismo de Ourense, cos seus guías asesorando aos rapaces e resolvendo dúbidas.
Esta iniciativa deu como resultado interesantes materiais que poden servirvos de inspiración se estades a planear unha viaxe en familia á Capital Termal de Galicia. O mapa pódese consultar online pero tamén conta cunha versión física que estará dispoñible na Oficina Municipal de Turismo. Non deixedes de consultar tampouco a súa web, na que atoparedes un montón de consellos útiles.