Saborosos plans de novembro

Do 5 ao 18 de novembro Ourense celebra o seu concurso de petiscos de outono #SaboresdeOurense, unha oportunidade ideal para coñecer a mellor gastronomía local e un plan perfecto para descubrir a cidade no mes dos Magostos, a festa de interese turístico coa que recibimos a estación.

O outono en Ourense é sinónimo de bo comer: é tempo de cabazas, de castañas, un momento para probar os primeiros viños do ano e saír ao monte á procura de suculentos cogomelos. Homenaxeando estes bos costumes, a cidade das Burgas celebra estes días o seu tradicional Concurso de pinchos de outono #SaboresdeOurense. Do 5 ao 18 de novembro máis de medio cento de establecementos da cidade propóñenvos pequenas creacións culinarias inspiradas nos sabores da estación, coa castaña e os cogomelos como protagonistas: petiscos orixinais e exclusivos a un prezo de 2,50 € que cativarán os vosos padais.

Como en edicións anteriores a vosa participación é clave no concurso, xa que seredes os encargados de elixir cos vosos votos os gañadores dos catro mellores petiscos na categoría de xurado popular: tres premios elixidos as papeletas que depositedes nas urnas habilitadas nos establecementos participantes e un cuarto para os que votedes a través da app Sabores de Ourense. Lembrade que #SaboresdeOurense premia o voso «esforzo», xa que por cada voto depositado entraredes no sorteo de fantásticos agasallos: estoxos de viño, lotes de produtos gastronómicos, vales de compra, etc

Actividades paralelas

Para redondear esta experiencia gastronómica, este ano o concurso vén cargado de actividades paralelas nas que coñecer máis de preto as posibilidades que alimentos como as castañas e os cogomelos teñen na nosa cociña: saídas guiadas, showcooking, catas… Todas as actividades son gratuítas e non necesitan inscrición previa: atentos ao calendario!

  • Venres, 2 de novembro
    • 09.00 h Saída guiada ao monte á procura de cogomelos, da man da Asociación Micolóxica Os Cogordos. O punto de encontro será a entrada do Edificio Politécnico do Campus de Ourense (Avenida Otero Pedrayo).
    • 18.30 h no Centro Comercial Ponte Vella · Charla coloquio de introdución á cociña con cogomelos. Inclúe degustación das preparacións maridada con viño Pazo Casanova.
  • Luns, 5 de novembro
    • 18.30 h no Centro Comercial Ponte Vella · Showcooking e degustación a cargo do chef Sergio Azagra (Grupo EVENTS – Huesca).
  • Martes, 13 de novembro
    • 18.30 h no Centro Comercial Ponte Vella · Cata de Vinos D.O. Ribeiro con maridaxe de produtos de Queixerías Lomba.
  • Mércores, 28 de novembro
    • 18.30 h no Centro Comercial Ponte Vella · Showcooking establecementos gañadores #Sabores2018.

Tempo de magosto

Os #SaboresdeOurense inauguran un mes que en Ourense é sinónimo de Magosto: a festa, declarada de interese turístico de Galicia, coa que a cidade recibe o outono. Durante estes días grupos de familiares e amigos reúnense ao redor de grandes fogueiras para asar castañas e probar os primeiro viños, nunha celebración que dura todo o día e parte da noite, sempre aderezada con chourizos asados, cancións e unha queimada final, que evoca as orixes pagás da festa, vinculada a ritos de purificación a través do lume.

O habitual é celebrar o Magosto nos montes que circundan a cidade, especialmente Montealegre, que se tingue con grandes columnas de fume. Se estades de paso sempre podedes achegarvos ao gran magosto que o Concello organiza na Praza Maior, fixado para o 11 de novembro, día grande da festa que coincide coa festividade de San Martín de Tours, patrón de Ourense. O luns día 12 é festivo local.