Ano Europeo do Patrimonio Cultural
Un paseo por dez espazos emblemáticos da cidade, todos declarados Ben de Interese Cultural, para entender que é o patrimonio cultural e como contribuíu a definir a nosa historia e identidade colectiva.
De que falamos cando falamos de Patrimonio Cultural? O concepto é moi amplo e fai referencia a todos aqueles elementos que herdamos do pasado e botan luz sobre a nosa historia, ben sexan materiais, inmateriais, naturais ou mesmo dixitais. O patrimonio non é algo estático e obsoleto, senón unha realidade cultural viva e dinámica que cumpre un importante labor na construción da Europa do futuro.
Por todas estas razóns, as institucións europeas, de forma unánime, declararon este 2018 como Ano Europeo do Patrimonio Cultural, unha celebración que pon en valor este recurso compartido que contribúe a «sensibilizarnos nunha historia e valores comúns, reforzando o sentimento de pertenza a un espazo común europeo». Ao longo de todo o ano, un amplo programa de actividades busca conectar ao público co seu patrimonio, fomentando prácticas de turismo sustentable que o fagan accesible a todos.
Con motivo desta efeméride, propómosvos un percorrido por dez espazos de Ourense que, polo seu valor único e a súa contribución á historia da cidade, mereceron a categoría de máxima protección patrimonial, os denominados BIC, Bens de Interese Cultural. Os dez merecen unha visita por si sós, pero tamén é importante velos en conxunto, como pinceladas dese cadro que é Ourense, unha cidade termal con máis de dous mil anos de historia, terra de poetas e intelectuais e a porta de entrada a Galicia.
Foi o último en conseguir recoñecemento BIC, en 2007, da man dun decreto que sinala como «o conxunto termal das Burgas, os seus mananciais e solar onde se sitúan constitúen un elemento único e representativo directamente relacionado coas orixes da cidade, conformando o núcleo habitacional orixinario». Un elemento diferenciador, ligado á historia de Ourense e á súa identidade colectiva, o Ourense termal por definición.
En 1975 recoñécese ao Ourense monumental, na súa totalidade, como «conxunto histórico- artístico», entendido como «unha pequena cidade», onde os grandes monumentos conviven con outros espazos singulares pero menos coñecidos: a Casa dos Temes, o Cárcere da Coroa, a Casa dos Boán… A súa declaración buscaba «preservar os seus valores de reformas e innovacións que puidese prexudicalos», algo de especial relevancia nun momento, os anos 70, de grandes transformacións urbanas na cidade.
En 1931, co gallo de «protexer, conservar e acrecentar o Tesouro Artístico Nacional», o goberno da República realiza unha ampla declaración de monumentos históricos e artísticos por todo o país. No caso de Ourense, incluirá a Catedral e o Antigo Pazo Episcopal, que por entón aínda funcionaba como tal. Outros lugares da provincia que gozaron da mesma sorte foron os mosteiros de Celanova e Melón ou as igrexas de Santa Eufemia de Ambía e Santa Mariña de Augas Santas.
Nos anos 50 o antigo Pazo Episcopal convértese en sede do Museo Arqueolóxico Provincial, feito que motiva un novo recoñecemento para este edificio, esta vez co foco posto nos bens que atesoura. A nova declaración chega en 1962 da man dun decreto xenérico que eleva os museos de España á categoría de «Patrimonio Histórico-Artístico» por «conservar valiosas coleccións de notable interese artístico, histórico, arqueolóxico e etnolóxico.»
Recoñecido como BIC en 2002, o antigo pazo dos Oca-Valladares é un magnífico exemplo de elemento que combina patrimonio material e inmaterial. Xoia da arquitectura renacentista do século XVI, identificable en elementos como a súa fachada ou o patio de columnas, desde o século XIX é a sede do Liceo, a sociedade cultural máis antiga da cidade, con ilustres membros como Curros Enríquez ou Carlos Casares.
O devandito decreto de 1931 incluíu como elementos que protexer todas as catedrais de España, incluída a de Ourense. Razóns non faltan: exemplo de transición entre os estilos románico e gótico, contén espazos e elementos de gran fermosura e maxestosidade, coma o Pórtico do Paraíso, a Capela Maior ou o seu inconcluso claustro gótico, por non falar dos tesouros que custodia, incluíndo o Misal Auriense, posiblemente o máis antigo libro impreso en Galicia que se conserva.
O decreto do ano 2000 deu resposta a unha longa demanda da Asociación de Amigos do Cemiterio de San Francisco, entre cuxos membros estaba o poeta José Ángel Valente, por ver este espazo recoñecido e protexido para o futuro. Este camposanto de aires góticos e románticos non só ten valor como monumento, senón tamén pola importante nónima de intelectuais e artistas que aquí descasan.
Xunto ao cemiterio atópase o claustro, ambos os dous parte do antigo convento franciscano. Foi o primeiro elemento deste conxunto en conseguir a declaración de monumento histórico-artístico, en 1923. Hoxe é visitable, gozando do magnífico conxunto que forman as súas columnas coroadas por capiteis, conservados en virtude dun decreto que estipulaba que «non poderá procederse, baixo ningún concepto, á súa derriba, nin total nin parcial».
Peor sorte correu a igrexa do convento, que en 1929 se trasladou á súa localización actual, no Parque de San Lázaro. O feito non impediu que en 1951 sexa declarada monumento histórico-artístico, nun texto que destaca que «a súa fábrica é do máis puro estilo gótico do XIV: as súas ábsidas teñen atrevidas e esveltas bóvedas nervadas construídas en granito, e están iluminadas por altas e elegantes xanelas».
A Ponte Vella, Ponte Maior ou Ponte Romana foi declarada monumento histórico-artístico en 1961. O decreto descríbea como «unha das máis monumentais, antigas e fermosas de Europa», razón que xustificaría «a súa escolla para o brasón da capital e a provincia de Ourense».
Forma un único conxunto coa capela anexa, o Santuario da Nosa Señora dos Remedios, que segundo o texto data de 1522. En 2014 foi restaurada, despois dun devastador incendio.